O Concello de Nigrán pecha este domingo o seu primeiro ciclo “Primavera de Jazz” co concerto do pianista Xan Campos ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Antes desfilaron por este evento o guitarrista nigranés Felipe Villar e o santiagués Xácobe Martínez Antelo. Como sempre, a entrada é de balde ata completarse o aforo.
O cangués tocará xunto a Horacio García ao contrabaixo e Iago Fernández á batería. Campos formouse como pianista e compositor nos conservatorios de Galicia, País Vasco, Berlín, Amsterdam e Copenhague, unha etapa que lle permitiu estar en contacto coa vangarda do jazz europeo percorrendo salas e festivais de gran parte do continente. Neste momento, Xan Campos é un dos pianistas máis activos da Península Ibérica, tanto á fronte dos seus proxectos como no papel de sideman de destacados artistas da escena do jazz de España e Portugal. Pese á súa mocidade (naceu en 1987) conta cunha traxectoria especialmente extensa, tendo gravado 5 discos ao seu nome e máis de 20 acompañando a grandes figuras deste xénero musical. Tamén goza de relevancia en Latinoamérica, onde ten tocado en festivais de Arxentina, Uruguai, Chile, Ecuador ou Colombia, actuando tamén en varias salas de Nova York (EEUU).
“Este festival viu para quedarse. O obxectivo é ofrecer aos mellores músicos de jazz do noroeste peninsular en directo e fora da tempada estival”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao Nigranjazz, o festival máis lonxevo de toda a comarca dentro deste xénero musical e que cada ano se celebra en xullo no esteiro de A Foz mesturando os mellores músicos internacionais cos máis destacados do noroeste peninsular. “Despois de 16 anos ininterrompidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demandaba concertos en directo tamén o resto do ano e un alumnado da Escola de Música que tamén o reclama, e por iso nace este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos e do norte de Portugal”, finaliza o rexedor.

