O equipo feminino do Turonia Gondomar Fútbol Gaélico proclamouse onte luns 1 de maio campión da Liga Galega de Fútbol Gaélico 22/23. O encontro da xornada foi contra o Estrela Vermellha de Santiago de Compostela, vencendo nun partido que comezou nun primeiro momento moi igualado pero que pronto se decantou para as gondomarenses, cun final de 14 – 19.
Nesta última xornada de Liga as rapazas do Turonia GFG conseguiron levar o campionato para Gondomar só cunha derrota en toda a competición ligueira. Logo dun ano cunha pretempada complicada, que mesmo puxo en dúbida a continuidade da equipa feminina, o traballo de base da directiva e dun corpo técnico comprometido (formado por Alex Álvarez e Juancho Larrasq) xunto con, finalmente, un grupo de xogadoras veteranas e de nova fornada; deu lugar á fórmula perfecta para acadar un equipo competitivo e fiable, quen de acadar os mellores resultados deportivos.
Proba disto é a selección de varias das xogadoras para nutrir as filas da Selección Galega, que irá competir no FRS GAA World Games 2023, Mundial de Xogos Gaélicos da GAA (Gaelic Athletic Association) que se celebrarán en Derry (Irlanda) entre o 24 e 28 de xullo deste verán. Tamén, a clasificación acadada na Liga Galega levou ás rapazas do Turonia a clasificarse para as Finais do Campionato Ibérico Sénior que, precisamente, se celebrará en Vigo este vindeiro 6 de maio. O feminino do Turonia GFG enfrontarase alí á elite do fútbol gaélico ibérico como Madrid Harps, Barcelona Gaels, Eire Og Sevilla, San Vincent Valencia, Estrela Vermelha de Santiago de Compostela e Fillas de Breogán da Coruña.
A nivel galego aínda resta a competición do All-Galicia feminino, ao que as gondomarenses volven postularse como firmes candidatas a pelexar polo título. Este ano, no mes de abril, o Turonia GFG cumpriu o seu 5º aniversario, sendo o segundo club máis novo da competición galega, pero aínda así as súas rapazas demostran que con traballo, constancia e implicación todo é posible no mundo do deporte. “Desde aquí queremos felicitar ás nosas mulleres e agradecer este título maior que encumbra o fútbol gaélico miñorán á elite europea. Non pode haber mellor agasallo de aniversario para estes 5 anos de traballo deportivo”, apuntan desde o club.

