A frota do Trofeo Repsol ensina os dentes

A falta dunha única xornada para que finalice a competición, os 50 barcos que esta ponte do primeiro de maio participan na 45º Regata de Primavera – Trofeo Repsol, pelexaron con unllas e dentes a costeira entre Combarro e Baiona disputada este domingo nas Rías Baixas. Tras máis de dúas horas de espera por falta de vento no interior da ría de Pontevedra, e coa frota impaciente polas súas ganas de regatear, as saídas as diferentes clases (ORCs e J80) non estiveron exentas de polémica.

Cando o comité de regata pitou o bocinazo para os ORCs, tres barcos vigueses con aspiracións ao título, o Bon III de Víctor Carrión, o Magical de Julio Rodríguez e o Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal, estaban fóra de liña. Os tres debían retomar a saída para poder seguir en competición, pero só dous deles fixérono. O Bon III, que viña na cabeza dos ORC 1-2-3 desde a primeira xornada non cumpriu e foi descualificado.

Os J80 tampouco tiveron unha saída tranquila. A 10 segundos para que o comité dese inicio á navegación rumbo a Baiona, gran parte da frota estaba xa fóra de liña por un role de vento e a saída tivo que repetirse. Reaxustouse o campo e izouse bandeira negra, que implicaría a descualificación de calquera barco que cruzase a liña durante o minuto previo á saída. O único barco afectado foi o Arriscao de Antonio Francisco Gómez, que quedou fóra da proba.

Tras estes incidentes coas saídas, a navegación, salvo por un par de excepcións, transcorreu moi axustada, unha clara mostra das ganas das tripulacións por pelexar a regata con todos os medios posibles e facerse cun oco nos postos de honra da clasificación.

O Aceites Abril e o Magical foron sempre na cabeza, co Yess Too á súa popa sen perdelos de vista. O resto de frota navegou nun pano pola Costa da Vela e a cara interna do arquipélago das Cíes e non foi ata a chegada a Carallones, baliza de paso obrigado, onde algúns empezaron a marcar posicións e ampliar distancias cara ao interior da baía de Baiona, onde se colocou a chegada fronte ao Parador Nacional.

Na clase ORC 1-2-3, o fóra de liña do Bon III, que viña líder da xornada anterior, fíxolle caer á última posición. A vitoria de etapa foi para o Aceites Abril dos Pérez Canal, pero o Sailway de Ramón Ojea adiantoulles na clasificación xeral grazas aos dous segundos postos que logrou nas dúas probas disputadas ata o de agora. Os de Canido van primeiros seguidos do Aceites, o Magical e o Narval, que están empatados a puntos na segunda, terceira e cuarta posición.

Na clase ORC 4, o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo), o único con dúas vitorias consecutivas, é un dos barcos máis solventes da competición. Dous primeiros postos cos que, se este luns logra manter a súa serie, levaría o triunfo do trofeo. O Unus de Luis García Trigo (MRCYB), coa prata provisional; e La Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo de Miño), co bronce; intercambiáronse o segundo e terceiro posto con respecto á xornada anterior.

Na clase ORC 5, os cangueses do Balea Dous (RCN Rodeira), con Luis Pérez á fronte, foron os mellores da xornada e o levarse a vitoria de etapa permitiulles levantarse ata a segunda posición da xeral, na que o Nahela de Victor Manuel Álvarez (CD Alagua) segue na cabeza. O Squid II de Francisco Lusquiños (CN Portonovo) vai terceiro.

Na clase A2, o Salaño Dos de Jacobo Vecino e Brenda Maure (RCN Vigo) é o outro barco que, xunto co Deep Blue, foi capaz de repetir triunfo nesta segunda xornada. Consolida así a súa posición privilexiada no máis alto do podio provisional co Aquilón de Roberto Telle e Genoveva Pereiro (MRCYB); e o Asante Sanda de Juan Carlos Trabazos e Joaquin Dasilva (LM Bouzas) no segundo e terceiro caixón respectivamente.

Na competición en tempo real dos J80, o Okofen foi o primeiro en cruzar a liña de chegada e esta vitoria de etapa lle permitiu saltar da terceira á primeira posición. Ostenta o ouro provisional con catro puntos, os mesmos que o Alboroto, que se manteñen na posición de prata. En terceira posición aparece o Marías de Manel Cunha.

A 45º Regata de Primavera – Trofeo Repsol, que pechou a xornada dominical cunha cea mariñeira no Monte Real Club de Yates, chegará ao seu fin este luns, festivo do primeiro de maio, coas últimas dúas probas da competición: dous percorridos en forma de trapecio que a frota ao completo disputará no fondeadoiro das illas Cíes. Pola tarde, ao fío das seis e media, celebrarase a entrega de premios, á que asistirán a Xefa de Mariña e Pesca de Repsol, Inés González Megido; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; e o vicepresidente do MRCYB, Alejandro Retolaza.