Gondomar proxecta a remodelación da Praza Manuel Alonso

O Concello de Gondomar proxecta remodelar a Alameda de Manuel Alonso, co obxectivo de que quede ao mesmo nivel que os viarios existentes. O alcalde, Paco Ferreira, mantivo unha reunión cos comerciantes da zona para explicarlles o proxecto, que sairá diante de conseguir unha subvención da Deputación de Pontevedra para este tipo de obras.

Prevese a mellora toda a parte do subsolo, renovando toda a rede de saneamento, pluviais, instalacións eléctricas, instalando mobiliario urbano, iluminación, árbores de gran porte, e cambiando a localización da fonte para poder habilitar máis e mellor espazo para a celebración de eventos (festas patronais, concertos, etc).

Os dous viarios existentes manteranse abertos ao tráfico como na actualidade. A rúa San Bieito con preferencia ao tráfico rodado, mentres que a subida de Manuel Losada será con uso combinado, con preferencia para peóns e velocidade restrinxida a 10 klm/h. A rúa Cruz de Mera será totalmente peonil diante da praza (en Correos seguirá igual).

Antes de iniciar as obras, está previsto remodelar o aparcamento existente entre a igrexa e a praza para gañar máis prazas. Así mesmo estúdase a creación dun novo aparcamento nas inmediacións con capacidade para máis de 300 vehículos.

“De conseguir a subvención necesaria para a execución, previamente reunirémonos cos veciños e comerciantes para informar detalladamente de como se executarán as mesmas, posibles cambios e/o modificacións do proxecto que axude a mellorar o espazo de acordo aos intereses de comerciantes e veciños”, apuntou Ferreira.