
A iniciativa “Baiona en Vela”, un evento posto en marcha entre a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) e o Concello, volve á rúa Carabela Pinta tras o éxito das tres edicións anteriores de primavera e verán. Nesta ocasión trátase da “Edición Primavera” que terá lugar dende o 29 de abril ata o 1 de maio en horario de 10:30 a 21:30 horas.
A elección da rúa Carabela Pinta débese á súa contorna agradable e segura, onde se utilizará unha das zonas peonís do Centro Comercial Aberto Baiona Real. “En ACEBA queremos que os comercios saquen os seus produtos á rúa coa intención de dinamizar e fomentar o comercio de proximidade durante estes días, sobre todo nestes duros momentos que atravesa o sector”, sinala Marcos Comesaña, presidente da Asociación.
Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, apunta que “o apoio ao comercio é fundamental para o noso Concello. O sector comercial é un dos principais activos da economía do noso concello, ademais de ser o sector máis afectado por anteriores gobernos. Por iso, con iniciativas coma esta pretendemos incentivar as compras a nivel local, así como unha clara aposta pola economía circular”.