O Concello de Nigrán pecha este domingo 30 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o ciclo de cine galego coa proxección de “O Corpo Aberto”, de Ángeles Huerta. A entrada é de balde ata completar aforo. En pasadas semanas o Concello ofreceu “As Bestas” e “Matria”.
Este filme foi o triunfador dos premios Mestre Mateo 2022 que outorga a Academia Galega do Audiovisual. Nela cóntase as vivencias de Miguel, un novo profesor que a principios do século XX chega a unha aldea na montaña, entre Galicia e Portugal, onde o sobrenatural se acepta con normalidade. O profesor de mentalidade moi racionalista chocará coas crenzas dese pobo onde se mesturan a vida e a morte.
A película, dirixida por Ángeles Huerta, está baseada nun relato do ourensán Xosé Luis Méndez Ferrín. Protagonizan esta película galego-portuguesa Tamar Novas, Victória Guerra, María Vázquez, Federico Pérez, Elena Seijo, Miquel Insúa, José Fidalgo, Nicolás Otero e Izan González.

