A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor, que forma parte da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, súmase ás mobilizacións convocadas en toda Galicia o próximo mércores 26 de abril, para salvar e fortalecer a Atención Primaria e a todo o Sistema Sanitario Público Galego, ameazado polas políticas de recortes e desmantelamento da Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade. A mobilización, ten como obxectivo poñer en valor a Iniciativa Lexislativa Popular que ten en marcha SOS Sanidade Pública a nivel de toda Galicia e que demostra que outra Atención Primaria é posible.
A poboación sofre importantes trabas e limitacións para acceder e ser atendida nos Centros de Saúde e nos PAC; soporta listas de espera de días ou semanas e consultas masificadas con perda da promoción, prevención, rehabilitación e atención ás enfermidades crónicas; e o abandono da participación comunitaria. Mentres, o persoal dos centros de saúde e PAC están sometidos a condicións de inestabilidade e precariedade laboral e a unha enorme presión asistencial por falta de recursos.
Por todo iso desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Val Miñor, convocan á cidadanía a que demostre o seu rexeitamento ao desmantelamento do Sistema Sanitario Público e en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular na que propoñen que o Parlamento de Galicia debata e aprobe unha serie de medidas necesarias para poñer en valor a Atención Primaria. “Só a mobilización social, en alianza co persoal da sanidade pública, pode frear o deterioro da Atención Primaria”, afirman.
Convocan á veciñanza do Val Miñor a sumarse o próximo mércores 26 de abril, ás 20:00 horas na Alameda da Ramallosa, á concentración en defensa do Sistema Sanitario Público e polo Reforzo e Fortalecemento da Atención Primaria.

