Nigrán ofrece desde este luns ao mes de outubro cinco contacontos na Biblioteca Municipal

O Concello de Nigrán ofrece desde este luns ao mes de outubro cinco contacontos infantís na Biblioteca Municipal encadrados no programa de animación á lectura “Ler Conta Moito”. O primeiro deles, “Chimpo de ra”, a cargo de Raquel Queizás, será este luns 24 de abril ás 18:00 horas e está dirixido a nenos de 0 a 3 anos. Nano é unha ra pequena, unha ra que vive cada día unha nova aventura, porque cando se é tan pequeno ata as cousas máis sinxelas se converten en todo un reto. A través de diferentes contos, cantigas, enredos, dun xeito lúdico, xogando, aprendemos na nosa lingua a coñecer o mundo que nos rodea. E así divertíndonos ensinamos aos máis cativos a presumir de lingua propia.

O seguinte contacontos, “A maleta da avoa”, é o sábado 20 de maio ás 12:00 horas e tamén a cargo de Raquel Queizás pero dirixido a nenos a partir de 3 anos. Desde ben pequena escoitaba os contos da avoa á mañá, na merenda e, sobre todo, á noite. A maleta da avoa está chea de pequenos tesouros; nela vive a memoria. Dentro dela brincan trasnos, mouras, nenas espelidas, bonecas feitas con carozos de millo… Abrímola?

O venres 22 de setembro será a quenda de “Os contos da leiteira”, de OQO. Este dá voz a historias de mulleres intrépidas e tímidas, loitadoras e soñadoras pero tamén á propia condición feminina, representada por animais que viven esas circunstancias. Contos de heroínas, galiñas valentes, leóns amorosos ou galos fachendosos que nos farán gozar e concienciarnos para que a igualdade sexa unha realidade.

O sábado 7 de outubro ás 12:00 horas será “Contamos en Igualdade”, de Eduvía. Dirixido a nenos de 3 a 16 anos divididos en idades homoxéneas. Esta contada pola igualdade pretende rachar cos estereotipos dos roles tradicionais asignados aos personaxes dos contos en función do seu xénero, idade, etnia ou mesmo condición social, cultural ou funcional. A través de fermosos contos trataremos de reflexionar sobre a nosa relación cos demais, construíndo entre todos e todas un mundo máis igualitario e pacífico.

Raquel Queizás regresa para poñer o punto final ao programa con “Na túa man”, dirixido a nenos a partir de 5 anos. Ao longo dunha inesperada investigación imos ir descubrindo historias e relatos para poñer en valor o respecto, a tolerancia e máis a comunicación dentro das relacións entre as persoas. Desmitificaremos o mal chamado “amor romántico” para darmos a coñecer o fenómeno da violencia de xénero, incidindo nas causas, tipos e consecuencias.