Manifesto Miñor considera que o anuncio por parte do Concello de Gondomar da súa maior oferta de emprego con 33 postos de traballo “é a maior mentira do Sr. Alcalde no que vai de mandato, máis que nada porque xoga coas expectativas de moitas persoas que de boa fe poden crer o que non é máis que unha manipulación da opinión pública, ou como se di agora unha fake news”. Para Antonio Araújo, todo está perfectamente explicado nos BOP do 25 de maio de 2022, do 26 de setembro de 2022 e do 15 de marzo de 2023.
No BOP do 25 de maio de 2022, o Concello anuncia unha oferta pública de emprego de 15 postos de traballo (4 persoal funcionario e 11 persoal laboral) que ten por obxecto a estabilización do emprego temporal no Concello de Gondomar e darlle así cumprimento á Lei 20/2021 de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade laboral no emprego publico. “Un ano despois nada se fixo. Daquela onde está o “truco” do anuncio do Sr. Ferreira?…. Pois resulta que estas prazas están todas cubertas e o que hai é que estabilizalas, sempre con persoal laboral ou funcionario, que previos os correspondentes concursos de méritos, etc, poderán vir incluso doutros Concellos”, afirma Araújo.
No BOP do 26 de setembro de 2022, o Concello volve facer unha nova oferta pública de emprego, esta vez ordinaria, onde a oferta é de 5 posto de traballo. “De novo hai truco. Un posto está cuberto provisionalmente tamén co seu respectivo contrato; os dous de Policía Local non é tal oferta, pois son policías que xa aprobaron a oposición e unha vez que rematen a súa formación na Academia de Seguridade, simplemente se incorporan ao posto de traballo sen máis. En resumo, dos 5 postos ofertados só hai dúas prazas vacantes”.
E por último está a oferta pública de emprego para este ano publicada no BOP o pasado día 15 de marzo deste ano. Neste caso as prazas ofertadas son 13, das cales 4 son de promoción interna; 2 están cubertas temporalmente con contrato, e as vacantes reais serían 7.
“Resumindo, os 33 postos de traballo anunciados polo Sr. Alcalde, en realidade quedan reducidos a 9 postos de traballo, e para o cal previamente hai que preparar todo o sistema de selección/oposición co que iso implica de tempo, é dicir, de inminentes nada, agás a traballadora social que xa está en marcha o proceso. En Manifesto Miñor somos conscientes da nerviosismo preelectoral do Sr. Ferreira, e advertímoslle que en política non todo vale, e o peor que se pode facer é xogar cos postos de traballo das persoas por conseguir uns poucos votos”, conclúe Araújo.

