O alcalde de Gondomar Paco Ferreira, co fin de dar a coñecer toda a riqueza ambiental e arqueolóxica da vila, festexa o Día do Libro este domingo 23 de abril con “Un paseo por Gondomar” do grupo de fusión de arte Solaina Val Miñor ás 17:00 horas no Auditorio Lois Tobío. Paco Ferreira di que “Un paseo por Gondomar” é un marabilloso percorrido por Gondomar convertido en conto con moito traballo de campo e fermosas ilustracións. Narra a historia dun pequeno trasno da Casa Peralba, de nome Diego, que atopa escrito no libro máis vello da biblioteca que no próximo eclipse de lúa un Trasno de Lume virá queimar Gondomar.
A partir de aí entre petróglifos, muíños, ríos, pontes e pazos… buscará incansable, nas súas dez parroquias, axuda para loitar contra este terrible meigallo a través de experimentos científicos. Un libro lúdico para nenas, nenos e maiores co fin de mostrar a riqueza de todas as parroquias de Gondomar. Conta con 108 páxinas a cor, actividades científicas e medioambientais para xogar e aprender en familia. O libro “Un paseo por Gondomar” está escrito pola poeta e escritora miñorá Soledad García, ilustracións da pintora Laine Villero e maquetación da deseñadora Natalia Guisande.
Soledad, Laine e Natalia son as fadas do Miñor, tres mulleres nais e emprendedoras que sorprenden a todos coa súa gran capacidade de traballo e esforzo para crear pequenas xoias da comarca do Val de Miñor. A escritora Soledad García informa que un paseo por Gondomar contará cunha ruta descargable nun código QR cos textos e as ilustracións para descubrir a través das súas dez parroquias os lugares máxicos poñendo así o broche final da saga Dedas, o libro que medra polo Val de Miñor.
Paco Ferreira di que “Un paseo por Gondomar” será un instrumento moi valioso para os colexios da comarca e servirá de base para a realización de actividades medioambientais e turísticas, e así reforzar a potencia cultural de Gondomar e hábitos de vida saudables nas dez rutas coas que conta o libro. Os actos comezarán ás 17:00 horas no Auditorio Lois Tobío, se ben estaba anunciado na Praza de Rosalía de Castro muda pola adversa climatoloxía. Xogarase con Ciencia e Movemento a través de obradoiros cos experimentos científicos que se atopan ocultos no libro. Dende Solaina convidan a participar nesta fantástica tarde do Libro de Gondomar con xogos fomentando a lectura en familia.

