Sin categoría

Esquerda Unida de Nigrán presenta unha lista continuadora de Nigrán Decide

Esquerda Unida de Nigrán presenta unha lista continuadora de Nigrán Decide. A candidatura está formada por activistas sociais, culturais, sindicais e veciñais de Nigrán, ademais de candidatos e colaboradores de Nigrán Decide. Nos sete primeiros postos, ademais de José Cuevas, que encabeza a lista, están Betty Mireya León Fong, de Priegue, Catedrática de Física Aplicada da UVIGO, xubilada e activista social, impulsora da Plataforma Solidaria Didáctica do Val Miñor para dar apoio escolar durante a pandemia. José Manuel Figueroa Fajo, de Camos e Obreiro da automoción, continuando cos independentes Patricia Gómez Costas, de Chandebrito, traballadora no sector do ensino e implicada no movemento veciñal de Chandebrito e na integración de persoas discapacitadas, Ricardo Gil Valcárcel, de A Ramallosa, xubilado e Activista Cultural, e Mercedes Cabreira Figueroa, de Panxón, traballadora de Servizos Sociais. Finalmente, como sétimo está na lista Anxo Mosquera Nogueira. Nigrán. mecánico maior naval, ex concelleiro de Nigrán Decide.

A candidatura presentada é diversa territorial e ideoloxicamente. Únelle unha metodoloxía de traballo baseada no consenso, e está conformada por 10 independentes. Do total de 20 persoas que figuran na candidatura, 14 xa figuraron nas listas de Nigrán Decide nas eleccións de 2015 ou de 2019, producíndose 6 novas incorporacións a dita lista, das cales 5 son independentes.

“O funcionamento da candidatura que presenta Esquerda Unida a estas eleccións é o mesmo que o da coalición electoral Nigrán Decide, na que todos os acordos se toman en asemblea formada polos membros da candidatura e colaboradores independentes en igualdade de condicións. Ademais, entre os colaboradores da candidatura de Esquerda Unida están simpatizantes e antigos membros de Podemos, nacionalistas independentes, e a maioría de membros de Nigrán Decide, polo que se pode afirmar que esta candidatura que presenta Esquerda Unida, é continuadora do espírito e o programa de Nigrán Decide”, afirma José Cuevas, cabeza de lista.

Para José Cuevas, “é necesario na corporación de Nigrán, a presenza dunha oposición firme, crítica e construtiva, que traballe con rigor, en propostas serias e realizables, como nas que no seu día realizou sobre a nova biblioteca de Nigrán ou o programa Xantar na Casa, que se levaron a cabo neste mandato, para que Nigrán avance aínda máis. Lamentabelmente, durante este mandato non existiu”, finaliza Cuevas.