
Carlos Gómez, o alcalde de Baiona, inaugura a Feira do Libro do Val de Miñor a través de Artai, o pequeno garrano da Serra da Groba que unha mañá esperta a carón dunha estraña árbore que ocupa o lugar do seu amigo Quer, o carballo que o arrolaba polas noites. A partir de aí, buscará pola costa de Baiona, xunto ao boi Breogán, quen o axude a salvalo. Un conto fermosísimo da escritora Soledad García en colaboración con Fran Fernández Davila para dar a coñecer a toda a cidadanía o gran valor ambiental e patrimonial de Baiona a través de oito percorridos. As ilustracións corren a cargo da pintora Laine Villero e a maquetación da deseñadora Natalia Guisande.
Os libros “Un paseo por Baiona” en galego e “A walk in Baiona” en inglés estarán accesibles na Casa de Navegación, na Casa do Concello e na Oficina de Turismo a través de tres roll-up con códigos QR para visibilizar e dar a coñecer a toda a cidadanía e visitantes a Serra da Baiona, a súa paisaxe de costa e o verxel da fauna, flora e cultura da vila. Segundo informa o alcalde, estes roll-up móbiles serán itinerantes e trasladaranse a distintos lugares da vila achegando a lectura a maiores e pequenos a través das rutas do conto fomentando hábitos de vida saudables, sen esquecer a defensa da Serra da Groba.
Estes libros, que estiveron o pasado mes de marzo na Feira Internacional de Berlín, acompañan ao proxecto do Concello de Baiona do safari etolóxico dos garranos, galardoado entre os seis primeiros proxectos das 100 Top Destinations do mundo no apartado de Cultura e Tradición. “Un paseo por Baiona” e “A walk in Baiona” son o terceiro dos libros da saga “Dedas” de Solaina, o libro que medra polo Val de Miñor.