10 anos de puro arte en Sabarís

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Mercado de Arte de Sabarís.

O domingo 14 de maio vaise celebrar o Mercado de Arte de Sabarís cunha programación que, neste 10º aniversario, pretende achegarse aos máis pequenos a través da creación colectiva dun mural artístico, coordinado pola pintora Irene Silva coa colaboración de alumnado dos colexios de Sabarís e Belesar.

O vindeiro martes, 9 de maio, Irene Silva dará comezo a esta aventura no colexio de Belesar cunha exposición do proxecto e os obradoiros en que se van ir facendo as pezas do collage xigante. “A igualdade” e “Un mundo de cores” serán as guías para traballar as emocións e os valores da participación colectiva.

Ademais, máis de 400 obras de 40 artistas estarán á venda con prezos para todos os petos. 11 horas de pintura, escultura e fotografía amenizados polo músico Ían Gulín que tocará en vivo durante toda a xornada. Claudio Maseiro impartirá un obradoiro de pintura para nenos.

O Mercado de Arte de Sabarís permanecerá aberto desde as 10:00 ata as 21:00 horas na Praza de Abastos.