
A localidade portuguesa de Gouveia xa ten todo a punto para dar a saída á segunda proba do Campionato do Mundo de Trial, tras os adestramentos oficiais celebrados na xornada deste venres. Á cita lusa acoden, finalmente, 80 pilotos dunha quincena de países, que se medirán nas categorías de Trial GP, Trial GP Women, Trial 2 e Trial 3, embaixadores das sete principais marcas que fabrican as mellores motos do mundo para este deporte do motor das dúas rodas.
Tras a primeira proba celebrada na localidade coruñesa de Arteixo, o podio provisional do mundial en Trial GP ocúpano os cataláns Toni Bou (Montesa-Repsol Fonda) e Adam Raga (TRRS), na primeira e terceira praza, respectivamente, tendo por medio, na posto prata, ao biscaíño Jaime Busto (GasGas). Cuarto é o rosalerio Gabriel Marcelli (Montesa-Repsol Honda), que tivo unha brillante primeira xornada na Coruña; e quinto o vigués Jorge Casales (Scorpa), que foi de menos a máis en Arteixo.
Respecto ao Trial GP Women, o espectáculo está garantido coa presenza da británica Emma Bristow (Sherco) e a única representante española nesta categoría, a catalá Berta Abellán (Scorpa). A entrega de premios, tanto sábado como domingo, están previstas ás catro e cuarto da tarde, hora portuguesa. Tras as dúas xornadas lusas a terceira cita será Xapón, do 19 ao 21 de maio próximos, retornando a Europa do 9 ao 11 de xuño, en San Marino.