Sin categoría

Veciños da Portavedra trasladan a Paula Bouzós o abandono ao que están sometidos polo goberno municipal

“Parece que non pertencemos a Gondomar, estamos totalmente abandonados polo concello”. Estas son as palabras coas que veciños do barrio da Portavedra recibiron onte a Paula Bouzós, candidata do Partido Popular de Gondomar, na visita que realizou ao barrio da parroquia de Mañufe tras a solicitude feita polos veciños. Paula Bouzós desprazouse ao barrio da Portavedra despois de que varios veciños lle trasladasen as súas inquedanzas e necesidades que teñen como calquera gondomareño e que non son atendidas polo goberno municipal que “en oito anos nin se achegou pola zona”.

Os veciños fixeron moito fincapé na perigosidade da estrada que comunica co barrio de San Andrés, pero sobre todo coa que comunica con San Cibrán. A recente corta de árbores que realizou a comunidade de montes de Mañufe deixou á vista os diferentes terrapléns, motivo polo cal solicitan que se coloquen quitamedos nas zonas máis perigosas, así como a dotación de alumeado.

Aproveitaron os veciños para comunicarlle a falta de saneamento, o arranxo de camiños, a recollida do lixo e a conservación dos parques infantís como exemplo do esquecidos que se senten do goberno municipal. “Os camiños temos que rozalos nós para evitar que se raien os coches ao pasar, e os regos como non os limpemos éntranos a auga nas casas”, queixábanse os veciños.

Paula Bouzós manifestoulle que pola súa parte non van estar desatendidos e que no vindeiro pleno ía presentar unha moción para que quedara constancia das súas necesidades para que o goberno municipal as atenda.