A un mes das eleccións municipais os partidos políticos empezan a mover ficha desvelando estratexias, listas e proxectos para atraer aos votantes e en Baiona avecíñanse cambios. O primeiro deles, a marcha do actual portavoz do PP local, Ángel Rodal Almuiña, tras 20 anos de militancia no partido. Unha noticia que fixo pública mediante un vídeo de pouco máis de tres minutos colgado en redes sociais. As razóns que lle levaron á súa renuncia teñen moito que ver co regreso do seu curmán ao plano local, Jesús Vázquez Almuiña, e todo apunta a que o lavado de cara do equipo será importante, aínda que polo momento descoñécese quen irán na lista encabezada polo actual presidente da Autoridade Portuaria de Vigo. Rodal asegura marcharse con bo sabor de boca e facendo un exercicio de coherencia, ao aceptar sen reparos a decisión do alcaldable de prescindir da súa persoa tras dúas décadas indo practicamente da man. “É unha mestura de todo, haberá novas persoas e novo proxecto, hai un mes dixen que apoiaba a Almuiña e isto é o que estou a facer agora”, explica. Con todo, móstrase moi agradecido por todos estes anos e admite sentirse orgulloso de ser concelleiro e alcalde do seu propio pobo. “Un privilexio”, declara.
Deixa a política con añoranza e coa tranquilidade de tomar decisións por convicción, precisamente no seu vídeo pide desculpas por se algunha das decisións adoptadas durante a súa carreira non fose entendida como el pretendía. “Sempre tentamos facer todo o mellor, porque Baiona meréceo”, afirma. Agradeceu o apoio do seu curmán e actual candidato dos populares á alcaldía nestes 20 anos, tamén ao seu número 2, María Jesús Garbín; a Tito Pousa, ao resto da súa familia política e tamén sanguínea, así como a todos os veciños. “A regulación semafórica de Elduayen, a reordenación do tráfico á altura da entrada do porto, o rescate do aparcadoiro do Aral para todos os veciños ou as sendas fluviais son algúns dos logros que me dan moita satisfacción”, explica, quen a partir das eleccións do 28 de maio pasará a segunda liña “para axudar a todos os que mo pidan”.
Ángel Manuel Rodal Almuiña (Baiona, 1967) leva vinculado ao Partido Popular de Baiona desde 2003. Durante todo este tempo asumiu as Concellerías de Medio Ambiente, Turismo, Vías e Obras, Deportes e a tenencia de Alcaldía, sempre da man de Jesús Vázquez Almuiña, ao que sucedeu como alcalde entre 2015 e 2019 ao ser nomeado conselleiro de Sanidade. Agora, tras pouco máis de dous anos á fronte do Porto de Vigo, Almuiña regresa para tratar de recuperar a hexemonía que os populares ostentaron na vila durante 16 anos. Con Rodal xa son dúas as figuras da política local de Baiona que non seguirán en activo no próximo mandato. O portavoz do grupo Nós e un dos xefes do tripartito baionés, Carlos de la Peña, tamén anunciou que non se presentará ás municipais do 28 de maio.

