Sin categoría

Abertas as inscricións para o evento deportivo “Gondomar a Proba”

O Concello de Gondomar abre as inscricións para o evento deportivo “Gondomar a Proba”, que se celebrará o sábado 13 de maio ás 17:00 horas. Unha actividade de multideporte, na que se deberán formar grupos de entre catro ou cinco persoas, con idades a partir dos oito anos e cunha capitá ou capitán de equipo. Xuntos deberán superar 10 retos distribuídos polo centro urbano do Concello nun tempo máximo dunha hora.

A maioría das actividades están pensadas para traballar en equipo, de maneira conxunta, nos que a precisión, a axilidade, a rapidez, a memorización, o equilibrio… e as ganas de pasalo moi ben terán que estar presentes. Gondomar ano a ano aposta por posicionarse como un referente na organización de actividades dirixidas á mocidade e familias nas que une deporte, ocio, hábitos saudables e traballo en equipo.

A inscrición levarase a cabo a través do correo electrónico da Oficina Municipal de Información Xuvenil (omix@concellodegondomar.gal). É necesario indicar nome e apelido, data de nacemento e número de DNI dos integrantes; cal dos integrantes vai exercer de capitá ou capitán; un teléfono de contacto e un nome de grupo. Cada grupo como mínimo terá un integrante maior de idade e responsable do mesmo.