Sin categoría

Manifesto Miñor advirte que o departamento de Servizos Sociais de Gondomar está no límite do colapso

Dende hai ano e medio, aproximadamente, que se xubilou unha das traballadoras dos Servizos Sociais do Concello de Gondomar até o día de hoxe, este departamento segue con unha soa persoa, coa conseguinte acumulación de traballo e co que iso implica á hora de atender aqueles casos coa rapidez e urxencia debidas.

“Mentres o Sr. Alcalde e todo o Goberno Municipal levan máis dun ano dedicados á propaganda que lle supón fotografarse en festas, procesións, eventos deportivos, actos de inauguracións, ou de asfaltado de camiños, etc, coma se foramos un Concello rico, habitado por ricos, existe outra realidade que ocultan como é o caso das ducias de persoas (veciñas nosas) vulnerables social e economicamente, que todos os días acoden aos Servizos Sociais do Concello buscando apoio ou axudas de todo tipo; dende poder acceder ao banco de alimentos cada vez máis escaso a tramitar unha pensión non contributiva, pasando por axudas para libros, gafas, o dentista, etc”, lamenta Antonio Araújo.

Dende Manifesto Miñor esixen do goberno municipal e do alcalde que se deixen de tanta propaganda e anuncios nos medios e atendan ás persoas realmente necesitadas para que as súas condicións de vida non empeoren máis do que xa están. “Para isto é necesario contratar urxentemente a unha nova Traballadora Social, e sobro todo aumentar o orzamento para os servizos sociais todo o que a situación demande, pois ás persoas en situación de vulnerabilidade social non lles serve de nada nin as festas, nin os eventos….nin os asfaltados de camiños, senón poder pagar a luz, ter para comer ou poder pagar o alugueiro das súas vivendas. A campaña electoral non pode ocultar esta realidade”, conclúe Araújo.