A expedición da Peña Moteros Val Miñor prepara a súa partida cara a Gouveia para colaborar no mundial de Trial

A medio camiño entre Porto e Lisboa atópase un dos marcos de beleza paisaxística máis importantes de Portugal, A Serra da Estrela, no Distrito da Guarda, Rexión Central, cuxo principal municipio é Gouveia que, unha vez máis, volve albergar unha proba puntuable para o Campionato do Mundo de Trial, a segunda tras a apertura do pano á nova tempada en Arteixo, A Coruña.

Talentos Objetivos – Clube de Enduro e Recreio faise cargo da organización, que conta co asesoramento na montaxe técnica e na dirección de carreira da Peña Moteros Val Miñor, entidade galega que posúe unha gran experiencia neste tipo de probas e que vén de colaborar na proba coruñesa.

Montaxe técnica das Zonas, balizado e valado do circuíto, xuíces e xurados son os valores que atesoura a Peña Moteros, misión que levan moitos anos desempeñando e cuxas calidades recoñecen os organizadores de competicións internacionais onde a experiencia é o éxito seguro.

Non en balde, parte da expedición xa se atopa en Gouveia desde este pasado luns tras a conclusión da súa misión en Arteixo. O recoñecemento do terreo e o arranque na marcaxe das Zonas xa está a ser unha realidade, apunta Nano Ferro, desde a dirección da carreira. “Estamos a traballar moi a gusto e a bo ritmo, esperando ao groso das nosas compañeiras e compañeiros que chegarán o venres”, apunta o técnico galego.

Jorge Simões, presidente de Talentos Objetivos-Club de Enduro e Recreio comentaba que “este ano a proba vaise realizar no centro de Gouveia, onde haberá 12 zonas que os pilotos terán que percorrer nun circuíto cunha lonxitude de 5 a 6 kms”. “Na cita lusa tomarán parte uns 120 pilotos distribuídos en 4 categorías: Trial3, Trial2, TrialGP e TrialGP Women”, aclaraba Simões.