
O Rali Berberecho de Noia supuxo un novo éxito para o equipo AMF Motorsport, no que Alberto Meira, o seu copiloto Avelino Martínez e o Skoda Fabia R5 funcionaron en perfecta harmonía e sen erros, dominando á competencia tanto no Supercampionato Galego R5 como na Copa Top Ten Pirelli A.
Aínda que do mesmo xeito que na Coruña, foi imposible competir contra o WRC inscrito, o segundo posto absoluto na cita noiesa foi o máximo ao que podía optar o equipo, que desde o inicio impuxo un ritmo inalcanzable para os seus rivais nas copas de promoción. Incluso o venres Meira permitiuse o luxo de lograr o scratch absoluto na especial urbana polo centro de Noia.
Xa o sábado, a súa vantaxe foi aumentando paulatinamente conforme pasaron os quilómetros, completando esta segunda cita da tempada sen erros e sumando a segunda vitoria consecutiva nas copas de promoción. Sen dúbida, un inicio de campaña perfecto da dupla Meira – Martínez, que mostraron o seu mellor nivel.
O piloto gondomarense non escondía a súa alegría tras este novo éxito: “Saímos coa mesma mentalidade que na Coruña, pelexando polo Supercampionato R5 e estar o máis alto na clasificación xeral. O coche foi perfecto e o equipo traballou dunha maneira impecable, polo que debemos de estar moi contentos tras cumprir o obxectivo”.
A próxima cita para o equipo AMF Motorsport será o Rallye Mariña Lucense, en Viveiro, os días 12 e 13 de maio.