Gondomar insta á veciñanza a limpar aquelas propiedades en estado de abandono

A situación de abandono de centos, ou miles, de propiedades que en tempos foron campos e veigas de cultivo, incluso os propios montes particulares dos que se aproveitaba a súa biomasa para o uso doméstico (leña e madeira), ou agropecuario (toxo), e que hoxe na súa inmensa maioría só medran malezas: silveiras, acacias, mimosas, eucalitos, xestas, etc., facendo desas propiedades auténticas polvoreiras propiciatorios ao lume dos incendiarios ou, simplemente de lumes fortuítos.

“Dende a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Gondomar somos conscientes e compartimos a preocupación que esta situación está a crear naquela veciñanza que vive a carón destas propiedades en evidente abandono, que nalgúns casos mesmo chega a provocar unha certa alarma social. A día de hoxe, a devandita situación, vese agravada polo avellentamento da poboación que hai poucos anos cultivaba e coidaba o territorio evitando o abandono do mesmo e o perigo dos lumes. Se a maiores desta circunstancia temos en conta o carácter eminentemente rural do Concello de Gondomar e a súa extensión: 72kms, é fácil entender a dificultade para resolver esta problemática”, sinala Antonio Araújo.

No que vai de ano houbo unha media de 45 denuncias ao mes debido a estas situacións de falta de limpeza dos predios particulares, que tendo en conta os poucos medios humanos e materiais (persoal para inspeccionar, tramitacións, etc) dos que contan na Concellaría, e dado que son expedientes cunha certa complexidade, comezando pola localización dos propietarios denunciados, moitas veces descoñecidos, no estranxeiro, herdanzas sen repartir, etc, impide unha pronta solución do problema. “Por outra banda, tampouco é legalmente posible entrar a limpar, e xa non digamos proceder á corta de árbores, sen ter comunicado previamente a correspondente resolución e xa non digamos a obtención de autorizacións xudiciais para podelo facer…”, afirma Araújo.

Isto non quere dicir que non se leven adiante e se lle dea cumprimento ás denuncias presentadas e aos expedientes en trámite, rematando moitos deles en expedientes sancionadores, con todo, o máis efectivo é a limpeza das fincas voluntariamente polos seus propietarios.

Por todo isto dende a Concellaría de Medio Ambiente fan un chamado á consciencia da veciñanza propietaria de fincas en estado de abandono, para que procedan a súa limpeza. “Dese xeito gañaremos todos: a veciñanza afectada en tranquilidade e o Concello aforrando recursos públicos que son do todos nós”, conclúe Araújo.

Anuncios