Máis de 200 persoas arrouparon a unha ilusionada e á vez firme candidata do PP de Nigrán na súa presentación oficial, que tivo lugar na tarde deste sábado no auditorio do Centro Cultural O Torreiro de Priegue. María José Pino asume o reto de optar á alcaldía con ganas, lista para situar ao concello no lugar que se merece, rodeada dun equipo solvente e apoiada polo presidente provincial, Luis López; a vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor; e o responsable de Sanidade do Goberno galego, Julio García Comesaña, entre outros cargos, militantes e simpatizantes do partido.
Luis López destacou que “María José é unha gran candidata, que vén demostrando nestes meses un traballo infinito para converterse nun auténtico revulsivo do noso partido en Nigrán”. Por iso, pediu o máximo esforzo a toda a candidatura e a cada afiliado para conseguir devolver a Nigrán un Goberno que garanta estabilidade e certezas. “Temos unha grandísima candidata, un grandísimo equipo, moitas gañas e ilusión e tamén o mellor proxecto para Nigrán”, engadiu.
Ademais, cuestionou que “algún veciño de Nigrán poida apoiar a un partido como o PSOE, que ningunea Galicia, que ten as súas preferencias noutros territorios e non lle dá á nosa aterra o que lle corresponde. Un maltrato constante real e grave a Galicia e aos nosos concellos do que os alcaldes socialistas son cómplices porque calan, agochan a cabeza e defenden as súas siglas por riba dos seus veciños e da nosa terra”.
Tamén Ana Pastor e Julio Comesaña coincidiron nas súas intervencións en que Pino é a opción máis coherente, un punto que ao mesmo tempo estivo reforzado polas mensaxes do presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desde a distancia ao non poder estar presentes por motivos de axenda. En senllos vídeos reiteraron a súa valía, as ganas e a ilusión coa que afronta o reto de converterse en alcaldesa do seu concello natal destacando que é a candidata que merece Nigrán. “María José é exemplo de traballo e de entrega, estou seguro que o proxecto que encabeza vai ter un gran apoio dos veciños”, manifestou Feijóo. Rueda, pola súa parte, destacou a pegada de Pino durante os seus anos de militancia no concello e que a súa proposta parte da xestión, “que é o separa as ideas dos feitos”, rodeada á súa vez dun gran equipo que confía no seu liderado. “O primeiro paso para gañarse a confianza dos veciños é gañarse a confianza de xente con talento, con gañas e ilusión, e que á súa vez che sigan”, declarou.
“IMOS ESTAR PRETO DE TI”
Pola súa banda, María José Pino presentouse como a alternativa ao goberno actual, que segundo asegura está “esgotado e carente de proxecto tras oito anos de mandato, baseado na desorde, a ineficacia e a improvisación”. Pino aproveitou o acto para explicar os puntos fortes do seu programa e que gobernará para todos, sen atender cores. “É a miña forma de facer política”, manifesta. A súa proposta, denominada “Imos estar preto de ti” parte da organización, do equilibrio e de ofrecer solucións próximas, onde a política social, a economía, o deporte, a educación ou a cultura teñen cabida a partes iguais.
Asegura que sacará adiante as grandes materias pendentes do concello, como un Plan Xeral sen ocultismos, transparente e consensuado. Asemade, tamén aposta por unha administración áxil e saneada, acabando cos constantes torpedeos do actual Goberno. A fenda dixital, solucionar os problemas de cobertura móbil que complican a vida diaria dos veciños de puntos como Patos ou lograr o desbloqueo do complexo deportivo de Porto do Molle son outras das súas promesas. Propón alternativas ao turismo, aproveitarse do filón dos cruceiristas que todos os anos desembarcan por miles no Porto de Vigo, a posta en valor do Camiño Portugués pola Costa, que Nigrán se converta no quilómetro cero da Eurorrexión e sacarlle todo o potencial á súa situación estratéxica no mapa, pero tamén a recuperación das bandeiras azuis ao entender que estes distintivos xeran riqueza. Neste senso, destaca que ademais do seu atractivo natural súmanse as súas infraestruturas como a Autovía do Atlántico e o corredoiro Norte de España e Portugal, o AVE e a súa proximidade con Peinador ou incluso co aeroporto luso de Sá Carneiro. “Estamos cansados de escoitar que estamos niso, queremos feitos. O actual goberno leva oito anos de mandato e durante todo este tempo non fixo nada ao respecto, máis que festa e máis festa”, declara Pino.
Asemade tamén aposta por unha liña de bonotaxis, de proxectos conxuntos entre Anpas de colexios públicos e privados, unha liña directa que conecte Nigrán coa universidade do CUVI, o transporte sostible ou solucións aos problemas de abastecemento, entre outros.
“UNHA LISTA SOLVENTE”
A candidata dos populares de Nigrán aproveitou para dar a coñecer aos compañeiros que se embarcaron na misión de “reconquistar” o goberno local. Deste xeito, á número dous, Rosario Valverde Díaz, séguenlle por esta orde José Ángel Casal Martínez, Alfonso Domínguez Pascual, Vicente José da Rocha Alonso, Josefa Soto Pérez, Anabel Villar Fernández, Juan Pablo Valverde Fernández, Manuel Bouzas Cabada, Manuel Gómez Figueroa, Miguel Ángel Docampo Álvarez, Gorgina Rodríguez García, María Ángeles Peixoto Lorenzo, Jorge Fernández Martínez, Víctor Manuel Pereira Vázquez, María Inmaculada Soto Fernández, Kevin Barcia Vieira, María Pilar Fentán Rodríguez, José Manuel Villar Valverde, Andrea Mesía Rial, Juan José Blas Valverde e Juan Carlos Pérez Rodríguez.





