720 maiores volven desfrutar da súa festa en Baiona

O Concello de Baiona celebrou este xoves tras uns anos sen poder organizala pola pandemia a Festa dos Maiores, na que participaron 720 persoas. Instalouse unha carpa e chamouse á xente de reserva, xa que inicialmente o aforo previsto era de 650 comensais.

O programa iniciouse ás 12:30 coa celebración dunha Misa na Igrexa Ex-Colexiata de Baiona. Ao finalizar o acto relixioso, os participantes gozaron dunha comida de irmandade no restaurante Rocamar, e a continuación, como en edicións anteriores, dun animado baile. Como en anos anteriores dispuxéronse varios autobuses para o traslado dos asistentes desde as distintas parroquias de orixe.

“Se alguén merecía este día eran as persoas maiores de Baiona, que nos deron un exemplo a todos durante a pandemia co seu comportamento. Foi unha xornada de recoñecemento e agradecemento; son o piar no que nos apoiamos o resto da poboación e desde o Concello puxemos moita ilusión e agarimo na organización deste encontro”, asegura Carlos Gómez Prado, alcalde de Baiona.