Sin categoría

O PP de Nigrán presenta oficialmente á súa candidata María José Pino

O PP de Nigrán presentará oficialmente á súa candidata á alcaldía María José Pino nun acto que terá lugar no auditorio do Centro Cultural O Torreiro de Priegue o sábado 15 de abril ás 20:00 horas. Pino, que foi a primeira cabeza de lista confirmada no Val Miñor fai agora cinco meses, contará co apoio dos seus compañeiros de partido de maneira presencial e desde a distancia. Acudirán a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente do PP Provincial, Luis López.

Pino aproveitará para dar a coñecer a todos e cada un dos membros da súa lista, coa que xunto a Rosario Valverde como número dous, optará á alcaldía nas municipais do próximo 28 de maio. Así mesmo, tamén debullará a ducia de puntos sobre os que se vertebra o seu programa electoral.

María José Pino dedícase profesionalmente á administración e foi a primeira muller da historia en asumir a presidencia do PP de Nigrán, cargo que aínda ocupa na actualidade desde 2016. Con máis de vinte anos de militancia ás súas costas goza dunha traxectoria máis que demostrada. Ostentou a Concellería de Igualdade, Patrimonio, Xuventude e Voluntariado entre 2011 e 2015.