O Concello de Gondomar inaugura este mércores, día 6 de decembro, o xa tradicional Belén Artesanal en Movemento, que este ano crece en número de figuras animadas, ata alcanzar as 216, das máis de 2.000 que o compoñen. Por sétimo ano, o encargado desta espectacular recreación do Nacemento de Xesús é Fernando Fernández Penedo, máis coñecido como “Nando”, natural de Baiona aínda que na actualidade veciño da parroquia gondomareña de Borreiros, e que leva máis de 35 anos como afeccionado belenista.
Nando comezou a montaxe do Belén o pasado 14 de novembro. Desde entón e ata esta mesma semana, dedicou 12 horas diarias á súa construción, de luns a sábado. “Ás oito menos dez chegaba, ía comer á unha, ás dúas e cuarto estaba aquí, se cadra ata as nove e media”, relata. Os materiais utilizados son reciclados, e grazas aos centos de motores, miles de metros de cableado, centos de enchufes, lámpadas, bombas de auga e fontes consegue que a maqueta cobre vida. Ocupa 75 metros cadrados en forma de “U” do Auditorio do Centro Neural.
A Anunciación a María, o Palacio de Herodes, a Fuxida a Exipto, o Soño de San Xosé, o Neno no Templo, a Caravana dos Reis Magos, son algunhas das representacións que poden verse entre outros moitos detalles, como unha ferrería, unha pousada, unha zapatería, unha peixaría, mercadiños, xogos populares e unha pista de bolos celta, ou unha réplica da ponte románica da Ramallosa, sen faltar por suposto o Pesebre co Neno Xesús. “Este ano fixen máis oficios, e como novidade, a carpintería de San Xosé. Hai máis de 26 figuras novas”, comenta Nando, quen agradece ao Concello a súa axuda e confianza un ano máis.
O seu primeiro Belén ocupou unha mesa de 80×80, e tras triplicar o seu tamaño xa o segundo, co paso dos anos chegou a ocupar os 20 metros cadrados do seu garaxe. Por sétimo ano, a súa espectacular recreación do Nacemento de Xesús trasládase a Gondomar. Tras ocupar o corredor lateral do Auditorio Lois Tobío en catro ocasións e a última planta da Casa da Cultura tras un ano de parón pola pandemia, por segundo ano volve ao Centro Neural (Policía Local), para que veciños e visitantes poidan contemplalo e gozalo.
A inauguración do Belén Artesanal en Movemento será ás 18:00 horas. Antes, haberá a partir das 17:00 horas un pasarrúas a cargo da Rondalla de Vincios, con saída desde a Praza Rosalía de Castro e con parada ás 17:30 horas na Praza Paradela, onde será recibida polo alcalde, Paco Ferreira, e membros do goberno local, para despois dirixirse ao Centro Neural, onde terá lugar o acto oficial.
O acceso é libre e gratuíto en horario de mañá entre as 11:00 e as 13:45 horas e en horario de tarde, entre as 17:00 e as 21:15 horas, de luns a domingo, ata o día 7 de xaneiro que se clausurará. O Belén permanecerá pechado os días 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro en horario de mañá, pola tarde permanecerá aberto.
Outro Belén en Sabarís
O Belén de Gondomar non é o único que confecciona Nando. Conta con outro de 30 metros cadrados no Multiusos Mercado de Sabarís, no marco do Concurso de Micro Beléns organizado polo Concello de Baiona e Coemsa, e que abrirá as súas portas o 8 de decembro. Comezou a facelo o pasado luns e levoulle cinco días de traballo, do mesmo xeito que o de Gondomar, a razón de 12 horas diarias. Conta con 70 figuras en movemento.


