Dez persoas con discapacidade completan a súa formación na tenda Juan María by Lolola

Juan María Empleo SL clausurou este martes no Centro Comercial Vialia de Vigo o programa de formación dual Juan María by Lolola. O obxectivo deste proxecto foi que dez traballadores (persoas con discapacidade intelectual) estean perfectamente cualificados como auxiliares de comercio para acceder ao mercado ordinario de traballo. Coa filosofía de “aprender facendo” conseguen que vaian tendo máis responsabilidades e autonomía con distintas experiencias.

Asistiron Covadonga Toca Carús, Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Fernando González Abejón, Director Xeral de Persoas con Discapacidade, César Pérez Ares, Xefe Territorial de Educación en Pontevedra, Marta Mariño Regueiro, Delegada Territorial de Vigo da Consellería de Emprego, e Juan González Pérez, Alcalde de Nigrán.

Tal e como subliñou Toca, esta iniciativa destaca pola posibilidade de capacitar ás persoas con discapacidade para mellorar a súa inserción profesional, a través de proxectos de formación adaptados, que alternan entre o emprego e a formación, e que habilitan para a obtención de certificados de profesionalidade.

Esta liña, da que resultou beneficiario o centro especial de emprego nigranés, favorece a inserción laboral do colectivo, ao brindar ás persoas desempregadas con discapacidade intelectual un contrato para o posto de traballo, exercendo as súas tarefas de xeito presencial con itinerarios formativos adaptados e estables de tres anos de duración.

“A Xunta está a apostar pola integración laboral de todas as persoas no sistema produtivo dando resposta a unha necesidade social esencial”, destacou Toca, quen lembrou que o acceso ao emprego é un “elemento decisivo” para a participación das persoas con discapacidade na economía e na sociedade.

O Goberno autonómico ten orzamentada unha nova edición deste programa trianual de formación dual en Centros Especiais de Emprego para persoas con discapacidade intelectual con 0,5M€ previstos este ano. A iniciativa enmárcase no Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social 2023 ao que a Xunta está a destinar máis de 44 millóns de euros en 2023 para favorecer o acceso ao mercado laboral das persoas con dificultades.