Sin categoría

A Santa Casa de Paz e Misericordia de Baiona estrea himno

A Banda de Música de Baiona, acompañada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”, estreou este Xoves Santo o himno da Santa Casa de Paz e Misericordia, que tras semanas de preparativos celebrou a Procesión dos Pasos. Despois de case un mes de ensaios, os máis de 60 costaleiros da confraría máis antiga de Galicia volveron portar polo casco histórico baionés as sete imaxes habituais: a Oración no Horto das Oliveiras -levado soamente por mulleres-, a Flaxelación de Xesús Atado á Columna, o Ecce Homo -máis coñecido como Cristo da Cana polo xunco que porta a modo de cetro nunha man-, o Xesús da Primeira Caída, o Xesús Axudado por Simón de Cirene, o Xesucristo Crucificado e a Virxe da Primeira Dor.

Ante o numeroso público congregado ao seu paso, as tallas partiron desde a Capela da Misericordia para percorrer as rúas Lorenzo de la Carrera, Ventura Misa, Diego Carmona e Santa Liberata. Tras facer unha parada na Igrexa Parroquial de Santa María de Baiona, onde o Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretou o “Miserere”, a procesión retomouse por San Xoán, San Lorenzo, Conde, Ventura Misa e Lorenzo de la Carrera para finalizar na Praza do Concello. Alí viviuse o encontro entre o Xesús da Primeira Caída e a Virxe da Primeira Dor, acto que se levou a cabo por vez primeira o pasado ano.

Ese foi o momento elixido para estrear a peza con música e letra escrita por Gabriel Rodríguez Rodríguez, director da Banda de Música de Baiona e tamén autor do “Himno da Arribada”, o “Himno de Baiona” ou o “Himno dos Pobos Colombinos”, dedicada á “Irmandade da Confraría da nosa Señora a Nai de Deus Virxe María da Misericordia”, máis coñecida como a Santa Casa de Paz e Misericordia de Baiona, e que o próximo ano cumprirá nin máis nin menos que 450 anos da súa fundación, que tivo lugar en 1574 con autorización expresa do Rei Felipe II.

Historia da Santa Casa de Baiona

No quinto día do mes de abril do ano do Señor de 1574, reunidos altos membros da milicia, o comercio e a sociedade da Vila de Baiona, a iniciativa do Capitán Rodrigo García, destacado militar da Guarnición de Monte Real, nacía a “Irmandade da Confraría da Nosa Señora a Nai de Deus Virxe María da Misericordia”, segundo reza no documento fundacional e coa autorización expresa de S.M. o Rei Felipe II. Similar á fundada en Lisboa pola Raíña Dona Leonor, esposa do Rei de Portugal Juan II, de onde se adoptaron os seus estatutos e nome, naceu invocando a Santa Isabel, Raíña de Portugal, e a súa imaxe consérvase no retablo maior da capela.

No marco de penurias continuas que sufría Baiona pola invasión de piratas ingleses e ataques desde o Reino de Portugal, créase a Santa Casa para buscar paliativos aos problemas dos veciños de Baiona, xa que os “Irmáns Confrades” tiñan como obrigación cumprir as Obras de Compaixón, especialmente a de enterrar aos veciños mortos e a calquera forasteiro que falecese na vila.



El pase de diapositivas requiere JavaScript.