Nigrán completará o empedrado e saneamento do casco histórico de Chandebrito

O Concello de Nigrán completará o empedrado do núcleo histórico de Chandebrito co obxectivo de potenciar o valor etnográfico da zona e darlle continuidade aos empedrados iniciados por vez primeira polo goberno local no ano 2019.

Nesta segunda fase, para a que a Deputación de Pontevedra vén de aprobar o investimento de 135.833 € a cargo do Plan Concellos, completarase a rúa Igrexa, Camiño da Pedreira e Camiño Chans. Igualmente, ademais de substituírse o aglomerado asfáltico por esta solución máis acorde coa contorna, dotarase de saneamento a varias vivendas que aínda non teñen.

A actuación supoñerá non só unha mellora no mantemento e conservación do firme, senón unha posta en valor dos elementos patrimoniais e etnográficos deste núcleo de aldea tradicional único no municipio, repercutindo nunha gran mellora paisaxística, tal e como se puido comprobar no 2019.