Sin categoría

Novo éxito do Basket sen Barreiras do CB Nigrán

O Club Baloncesto Nigrán organizou a VII edición do torneo Basket sen Barreiras no Pavillón de Panxón cun dobre obxectivo: romper obstáculos sociais a través do deporte e recadar fondos para Bicos de Papel, asociación de axuda a nenos e nenas enfermos de cancro do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Máis de 40 equipos de baloncesto déronse cita durante dous días en horario de mañá e tarde. As xornadas de mañá serviron especialmente para visualizar e promover a integración social de persoas con algún tipo de discapacidade. Para iso contaron co Club AMFIV, o Centro Juan María e a presenza de Nacho Fernández, sete veces campión de España de slalom en cadeira de rodas, así como do presidente da Federación de Deporte Adaptado, Marcos Casal Grajal.

Para as xornadas de tarde habilitáronse 3 pistas onde xogaron os equipos dos diferentes clubs participantes nas categorías alevín, benxamín e baby. Estas dúas últimas o luns de tarde e a categoría alevín pechando o torneo o martes de tarde. Á entrega de medallas asistiron o presidente da FGB, Julio Bernárdez, o alcalde de Nigrán Juan González, Susana García, secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado, e Natalia Dieste, directora de Bicos de Papel. Cada xogador/a participante realizou un donativo para Bicos de Papel, que foi depositado na urna que se atopou no pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores, así como o resto de persoas asistentes ao torneo tamén colaboraron con este fin solidario achegando o seu donativo na devandita urna.

Todo o recadado coa venda das rifas que se realizaron durante o torneo, así como o recadado na urna solidaria será entregado a Bicos de Papel. Ademais da axuda da Fundación laCaixa, o Concello de Nigrán, ou a Federación Galega de Baloncesto, clubs como o Obradoiro, o Breogán ou o Seis do Nadal colaboraron co torneo achegando diferentes obsequios para sortear durante os dous días. Para finalizar o Torneo, os asistentes da última franxa construíron un gran corazón en homenaxe a Bicos de Papel.