
A Santa Casa de Paz e Misericordia de Baiona atópase inmersa nos preparativos das procesións da Semana Santa. Tras semanas de ensaios e preparativos na capela da Misericordia, os máis de sesenta costaleiros da Irmandade da Santa Casa, a confraría máis antiga de Galicia, volverán portar desde as 20:00 horas de mañá, Xoves Santo, polo casco histórico baionés, a Oración do Horto das Oliveiras, a Flaxelación de Xesús Atado á Columna, o Ecce Homo -máis coñecido como Cristo da Caniña polo xunco que porta a modo de cetro nunha man-, o Xesús da Primeira Caída, o Xesús Axudado por Simón de Cirene, o Xesucristo Crucificado e a Virxe da Primeira Dor.
Pola súa banda, o Vía Crucis na Igrexa Parroquial iniciará a xornada do Venres Santo (10:00 horas), desde onde sairá ás 20:00 horas a Procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Música de Baiona. Ás 23:00 horas sairá desde a Igrexa Parroquial a Procesión da Soidade (só para mulleres).