Este domingo, 2 de abril, finalizou a XIV edición do Torneo de Minibasket do CB Baiona, contando con máis de 500 participantes e batendo récords de aforo durante toda a fin de semana, tanto no Pavillón Municipal de Baiona como no do Colexio de Cova Terreña.
Nesta edición tras unhas intensas finais proclamáronse campións do torneo o Porriño Baloncesto Base, en categoría masculina, e o Seis do Nadal, en categoría feminina, tras vencer ao Estudantes Lugo e ao CDU Valladolid, respectivamente. Recibiron o premio a mellor xogador do torneo (MVP) Rubén Rodríguez, do Porriño Baloncesto Basee, e Carlota Lois, do Celta Celeste. Tamén foron galardoados co premio á deportividade os equipos Académico Porto e Boa Vila Basket, en categoría feminina e masculina respectivamente.
Na clausura do torneo estiveron presentes Carlos Gómez, alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, representando á Secretaría Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, Fernando Pérez, delegado da Federación Galega de Baloncesto en Vigo, Rosa Domínguez, Concelleira de Medio Rural en Baiona, Óscar Martínez, tenente de alcalde de Baiona e Severino Castiñeiras, Presidente do Club.
Desde o CB Baiona felicitan a todos os clubs pola súa participación e por facer destes tres días de competición unha bonita experiencia de convivencia e baloncesto. Tamén queren agradecer a colaboración indispensable e dedicación dos voluntarios, así como dos colaboradores: Concello de Baiona, Xunta de Galicia, Gadis, Agua Sana, Eroski, Abanca e Telepizza Baiona.
O CB Baiona empeza a conta atrás para a seguinte edición do torneo, esperando repetir o triunfo de convivencia e competición o ano que vén.











