Alberto Meira comeza a tempada dominando na Coruña entre os R5

A primeira cita do Campionato Galego de Rallyes tivo lugar, como vén sendo tradición durante as últimas tempadas, na Coruña, onde o equipo AMF Motorsport comezaba unha nova andaina con Alberto Meira e Avelino Martínez a bordo do Škoda Fabia R5, ao que xa están completamente compasados.

A pesar das delicadas condicións nas que amencían as especiais, Meira daba a sorpresa na primeira cronometrada levándose o scratch absoluto por diante de todo un WRC, e asestando un gran golpe aos seus rivais pola Copa Top Ten Pirelli e o Supercampionato Galego R5. Segundo avanzou a matinal, o equipo foi engrosando a súa vantaxe á fronte de ambos os dous certames (rozando o minuto de vantaxe tras catro tramos) e asentándose na segunda praza da xeral.

A tarde foi moi cómoda, non só administrando o seu liderado en ambas as dúas copas de promoción, senón acrecentándoo para facerse co triunfo da Copa Top Ten pirelli e o Supercampionato Galego R5 por algo máis dun minuto, nunha xornada que escondía moitas trampas pero onde o bo traballo de todo o equipo quedou demostrado nunha actuación sen erros nin avarías.

Á súa chegada ao parque pechado, o piloto gondomarense non escondía o sentimento dun traballo ben feito: “Estou moi contento porque cumprimos co obxectivo. Sabiamos que gañarlle a un WRC era imposible, así que nos centramos na nosa propia batalla, e coller os máximos puntos posibles no Supercampionato. Debo agradecer ao bo facer do meu equipo e o apoio de todos os patrocinadores que nos axudan a competir unha tempada máis”.

Coa motivación alta, o equipo AMF Motorsport xa traballa para ter todo a piques de cara á segunda cita do ano, o inminente Rali Berberecho de Noia, en menos de dúas semanas.