O goberno de Nigrán entregou unha carta á Asociación de Empresarios Ovalmi pedíndolle que traslade aos diferentes partidos da oposición a importancia de que non veten no pleno deste xoves o pago de máis dun cento de facturas por importe de 71.193,22 € pertencentes a maioría a pequenos traballos realizados por empresas da comarca. O rexedor tomou esta iniciativa ante o rexeitamento das mesmas por parte da oposición no pleno de setembro e ante a ausencia do PP e Nigrán Decide na Xunta de Portavoces celebrada ao respecto este mes.
En total, trátase de algo máis dun cento de cargos que se corresponden a traballos xa realizados por preto de 65 empresas, a gran maioría do Val Miñor, e ás que se lles prexudica directamente. Entre estas figuran o transporte escolar para eventos (como o realizado cos alumnos de intercambio de Manchester ou a excursión dos colexios de Nigrán á xornada de xogos populares en Gondomar), actuacións de bandas de música en diferentes actos, servizo de ambulancias en eventos como bicivoadores, material de ferraxería para reparacións en colexios ou hortícola para os hortos escolares, trofeos conmemorativos ou arranxos florais… Incluso se atopa o propio premio de escaparatismo de Nadal entregado por Ovalmi e o Concello e que aínda non puido ser abonado. Entre todas estas facturas un bo número simplemente foron presentadas fóra de prazo polas empresas.
«O Concello ten a obriga de pagar e non de enriquecerse inxustamente nin prexudicar a empresas que prestaron correctamente o seu servizo. Asumimos que unha parte corresponde a traballos encargados sen consignación orzamentaria pero que, indubidablemente, o Concello tiña a obriga de asumir», incide o alcalde, Juan González. Así, neste último apartado sitúa a contratación dunha carpa, iluminación e son para o acto de homenaxe dos incendios en Chandebrito, a reposición do alumeado de Nadal por problemas de vandalismo na Praza Rosalía de Castro, material informático imprescindible para o departamento de Persoal ou a compra de deshumidificadores para a gardería pública A Galiña Azul. «Pedimos á oposición que actúe con sentido común e que permita que todas as empresas poidan cobrar polo traballo que realizaron», finaliza.

