Sin categoría

Nigrán celebra a súa terceira Gala do Deporte con preto de 50 premiados e mencións especiais

O Concello de Nigrán celebra este sábado 1 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a súa terceira Gala do Deporte, na que se premiarán a preto de 50 deportistas e entidades de todo o municipio que son referente en diferentes disciplinas. Trátase dun evento aberto ao público, presentado un ano máis pola periodista deportiva Paula Montes, e que contará coa exhibición do equipo de ximnasia acrobática Acroclub Nigrán (será galardoado) e cun coche de Prado Competición na praza.

O nome dos premiados de cada categoría non se desvelará ata o propio momento da Gala, pero o Concello si desexa dar a coñecer xa algunhas mencións especiais coas que homenaxeará a persoas retiradas ou eventos. Entre elas figuran o equipo de enfermeiros do Centro de Saúde Val Miñor que promoveu a práctica da marcha nórdica entre a veciñanza; as atletas retiradas de Panxón Carmen Costas, Dolores Vázquez “Loli”, Constantina Penedo “Tinita” e Jenny e Patricia Massó; o memorial de fútbol sala “Pablo Ramilo” que cada ano se celebra en Parada; o vasco Iñaki Santurtún que todos os días nada nas augas abertas de Panxón, ou o xinete internacional portugués Manuel Gonçalves Da Silva, residente tamén en Nigrán. Entre os premiados, a novidade é que por vez primeira haberá un galardón triplemente compartido na categoría “Traxectoria Deportiva”: as tres xeracións da familia Villar (afincados en Camos desde hai máis de 40 anos) encabezada polo histórico futbolista do R.C. Celta Luís Villar, o seu fillo Alejandro (fundador da E.D. Val Miñor Nigrán) e o seu neto Pedro Villar (xogador cadete do F.C. Barcelona e capitán na selección galega). Pola súa banda, o Centro Comercial Nasas será premiado tamén polo seu compromiso social patrocinando no municipio deportes como a petanca ou o fútbol.

“Será unha Gala na que homenaxear aos nosos deportistas e darlles a visibilidade que merecen, xa que moitos deles practican disciplinas moi pouco recoñecidas, ademais de existir unha fenda de xénero cando se trata de mulleres deportistas”, explica o alcalde, Juan González.