The Rapants protagonizarán o Concerto Vibra Mahou nesta edición do Vive Nigrán. O grupo galego subirase ao escenario do festival o 1 de xullo. Diverso, diferente, divertido… Vive Nigrán promete mergullar ao público nunha sorte de emocións, onde teñen cabida a diversión, a paixón, a música e o encontro entre amigos. Un dos grandes eventos musicais do verán en Galicia e unha oportunidade única para gozar de grandes artistas nunha contorna privilexiada.
A organización, fiel ao seu espírito, regresa este 2023 coa sétima edición do festival, que se situará de novo a escasos metros de Praia América, o seu incomparable escenario de cada verán no campo de fútbol de Monte Lourido. Vive Nigrán busca seguir sendo un referente no verán galego, ofrecendo un cartel variado e de calidade.
CONCERTO VIBRA MAHOU
The Rapants súmase ao cartel de Vive Nigrán 2023 co Concerto Vibra Mahou. O grupo galego é un dos gañadores do concurso vinculado á colaboración establecida entre a cervexeira, a Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI) co obxectivo de promover o emprendemento entre o talento musical emerxente. The Rapants foron seleccionados entre os participantes da formación en Emprendemento Musical organizada por Fundación Paideia na cidade de Vigo, da que se abre agora unha nova edición en Santiago de Compostela.
O festival Vive Nigrán conta un ano máis co impulso de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que fomenta encontros ao redor do directo. Ademais do apoio de Vibra Mahou, o festival tamén contará co apoio do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, a través da súa marca “Rías Baixas Fest”, e da Xunta de Galicia, a través de “FEST Galicia”, e en 2023 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis.
As entradas xa están á venda a través da web do festival. Os abonos teñen un prezo de 50€ máis gastos de xestión e as entradas de día 28€ máis gastos. Os menores ata 5 anos terán acceso gratis ao festival (máximo 2 nenos por adulto).

