Este domingo comeza o programa de actos e cultos da Semana Santa Baiona 2023, organizados pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia e a Parroquia de Santa María de Baiona, coa colaboración do Concello, Aceba e Abanca.
O domingo 2, Día de Ramos, terá lugar a tradicional bendición de Ramos e Palmas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas, ás 12:00 do mediodía, para seguir coa procesión cara á Igrexa Parroquial.
O luns día 3, martes 4 e mércores 5 haberá Confesións na Igrexa Parroquial ás 18:00 horas, e ás 19:30 horas, o Triduo ao Santo do Cristo da Boa Morte.
O Xoves Santo, día 6, comezará con Meditación na Igrexa Parroquial ás 11:00 da mañá. Pola tarde celebrarase a Santa Misa da Institución da Eucaristía, ás 16:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 18:00 horas na Igrexa Parroquial. Ás 20:00 horas sairá acompañada pola Banda de Música de Baiona, desde a Capela da Misericordia, a Solemne Procesión dos Pasos, organizada pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia. O Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretará o Miserere na Igrexa Parroquial e na Praza do Concello, onde tamén se fará unha oración ao Cristo dos Pasos. Ás 23:00 horas será Hora Santa para toda a parroquia, seguida da Vixilia Extraordinaria da Adoración Nocturna na Igrexa Parroquial.
O Vía Crucis na Igrexa Parroquial iniciará a xornada do Venres Santo, ás 10:00 da mañá. Pola tarde celebrarase a Paixón do Señor e a Adoración da Cruz, ás 16:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 18:00 horas na Igrexa Parroquial, desde onde sairá ás 20:00 horas a Procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Música de Baiona. Ás 23:00 horas sairá desde a Igrexa Parroquial a Procesión da Soidade (só para mulleres). O Coro de Homes cantará unha Pregaria á Virxe antes de saír e ao recollerse.
Ás 10:00 da mañá do Sábado Santo haberá unha novo Vía Crucis na Igrexa Parroquial. Ás 20:00 horas celebrarase a Vixilia Pascual na Igrexa Conventual das Nais Dominicas, e ás 22:00 horas na Igrexa Parroquial.
O domingo día 9, Pascua de Resurrección, haberá misas ás 9:00 da mañá na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 10:00, 12:30 e 19:00 horas na Igrexa Parroquial.

