Achegar a rapaces e rapazas a diferentes deportes. Ese é un dos obxectivos da Asociación Deportiva Baixo Miño, Agrudebam, que este xoves reuniu no pavillón de Goián a máis de 170 nenos e nenas de 4º de primaria de Tomiño, Gondomar e Salceda de Caselas nunha competición de loita.
Na xornada participaron todos os centros escolares tomiñeses: o CEIP de Sobrada, o CEIP Plurilingüe de Tebra, o CEIP Barrantes, o CEIP Pintor Antonio Fernández e o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán. Ademais, ata as instalacións deportivas tamén se desprazaron para participar alumnos e alumnas do CEP Altamira de Salceda de Caselas, así como do CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar como convidados e convidadas.
Durante a mañá cativos e cativas puideron desfrutar desta modalidade deportiva nunha competición simultánea en catro lonas con variadas e divertidas probas por equipos. Así, unha das actividades que puntuaba era conseguir “Dar a volta á tortilla”, unha proba na que un dos ou das competidoras tiña que tentar darlle a volta completamente á persoa contrincante, que estaba colocada boca abaixo sobre a lona.
As e os participantes tamén loitaron de xeonllos no tapiz agarrados polos cóbados tentando derrubar á persoa rival sen soltar o agarre, xogaron a roubar un balón de baloncesto usando só as palmas das mans e pelexaron para expulsar ao compañeiro ou compañeira do tapiz cun escudo acolchado, empurrando á ou ao contrincante ata botalo do círculo marcado no chan.
Tamén xogaron a atrapar a cola do cabalo, unha proba na que as e os participantes saltan á lona cunha cinta colgada que o rival ten que tentar coller sen saírse do círculo nin agarrar ao contrincante pola roupa. A lista de probas da xornada remataba co Sogatira, unha actividade na que dous equipos de catro participantes cada un tiñan que agarrar unha corda e tirar dela ata conseguir que o equipo rival cedese terreo e acabara pisando unha liña horizontal debuxada no chan.

