Ribera Povisa incorpora un láser de última xeración para operar a hiperplasia benigna de próstata

O hospital Ribera Povisa acaba de incorporar ao servizo de Uroloxía un novo láser Holmio de última xeración para operar a hiperplasia benigna de próstata, unha afección moi prevalecente entre os homes maiores de 45 anos. “Na metade dos homes iníciase un crecemento prostático benigno que tapona, obstrúe ou fai que o paciente ouriñe con máis frecuencia. É un problema que pode chegar a condicionar tremendamente a calidade de vida”, explica o urólogo Fernando Meijide.

O láser que acaba de incorporar agora Ribera Povisa ten maior potencia, é máis versátil e inclúe nun único equipo todo o necesario para realizar a intervención, mellorando as prestacións do láser co que ata o de agora se estaba realizando o mesmo proceso. Permite acurtar os tempos cirúrxicos e, o que é máis importante, unha recuperación máis rápida do paciente ao diminuír o tempo de sondaxe vesical, a necesidade de transfusións e a estancia hospitalaria.

Ribera Povisa foi un dos primeiros hospitais de España en incorporar aos seus protocolos a cirurxía endoscópica do adenoma de próstata, que pode realizarse en hiperplasias de calquera tamaño. Foi en 2007, e entón, na maioría dos hospitais e en próstatas de gran volume esta cirurxía se levaba a cabo facendo unha incisión no abdome ou prescribindo un tratamento farmacolóxico que curaba os síntomas pero non evitaba que a próstata continuase aumentando de volume, o que implicaba a longo prazo un funcionamento anómalo da vexiga. Tamén se optaba en moitos centros polo denominado láser verde, máis sinxelo no manexo e alcanzable, pero con peores resultados terapéuticos.

“O que facemos nós co láser Holmio é a enucleación, é dicir, quitar a parte da próstata que vai crecer, eliminando o problema de raíz. En Povisa xa levamos case dúas décadas traballando así, aínda que nas guías clínicas estableceuse a enucleación como o procedemento estándar fai apenas tres anos”, subliña o doutor Meijide, un dos maiores expertos a nivel nacional nesta complexa técnica, polo que tamén forma a cirurxiáns doutros hospitais.

A cirurxía da enucleación láser de próstata é un procedemento pouco invasivo que elimina o tecido prostático que produce a obstrución á saída do fluxo dos ouriños. O láser permite coagular mentres se corta o tecido, reducindo considerablemente o risco de sangrado. O adenoma (tumor non canceroso) é conducido á vexiga e aí se tritura, desfai e aspira con outro sistema, denominado morcelador, para que poida ser expulsado a través da uretra. Ata o de agora o procedemento realizábase con dous aparellos distintos, pero o novo equipo que incorporou Ribera Povisa inclúe na mesma consola o láser e o morcelador, o que facilita o traballo do cirurxián e acurta os tempos cirúrxicos.

“O láser Holmio proxéctase a través dunha agulla de fibra de cristal de apenas 550 micras (medio milímetro). Permite empuxar, disecar, coagular ou cortar. É unha tecnoloxía moi precisa. Agora o paciente recupérase mellor porque é unha técnica sen cortes xa que se realiza a través da uretra e tras quitarlle a sonda pódese ir a casa ao día seguinte”, manifesta Meijide, que engade que o equipo de uroloxía do hospital vigués realiza entre cinco e sete intervencións semanais deste tipo.