Os socialistas urxen á Xunta un convenio que garanta o servizo de comedor no CRA de Peitieiros

A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de lle reclamar á Consellería de Educación que asine canto antes un convenio de colaboración co Concello de Gondomar para garantir o servizo de comedor para tódolos nenos e nenas do Colexio Rural Agrupado -CRA- de Peitieiros. Gallego e a tenente de alcalde de Gondomar, Nuria Lameiro, visitaron este luns o centro, onde anunciaron que levarán o asunto ao Parlamento de Galicia.

A parlamentaria socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que lle afea ao goberno galego que dende que asumiu a competencia, no curso pasado, “inexplicablemente e sen ningunha explicación só permita que catro dos oito nenos e nenas utilicen o comedor”. Ata 2021 era o Concello quen xestionaba o servizo, dándolles de comer a tódolos rapaces e rapazas no Colexio Neira Vilas.

Advirte de que os pais e nais están a agardar por este servizo para matricular aos rapaces, xa que a decisión unilateral do goberno galego de discriminar á metade dos rapaces e rapazas que precisan deste servizo obriga a algúns pais a cambiar de centro para poder conciliar. Apunta que “o que conseguirá a Consellería de Educación é desmantelar cos colexios rurais agrupados, un modelo que tanto os pais e nais como os socialistas galegos estamos firmemente comprometidos”.

Explica que, logo dunha xuntanza co delegado territorial de Educación en Pontevedra en novembro do ano pasado, aquel ofreceu como solución que o Concello asinara un convenio de colaboración coa Consellería, malia que as competencias son da Xunta. Sen embargo, o Concello solicitou o dito convenio xa o 12 de decembro, pero a Consellería aínda non respondeu, polo que repetiron a proposta ata en 5 ocasións, e mesmo levaron o asunto diante da Valedora do Pobo.