
O Concello de Nigrán financiará desde o vindeiro curso 2023/24 a creación de cadanseu “Banco de Libros” para os colexios públicos do municipio con ESO ou Bacharelato. Con este fin, o goberno local aprobou en solitario no pleno ordinario da mañá deste luns a consignación de 60.000 € para distribuír entre o IES Val Miñor, IES Proval e CEIP Arquitecto Palacios, a razón de 20.000 € por centro (se finalmente levan adiante esta iniciativa).
“A idea parte dunha proposta da ANPA do IES Val Miñor porque no vindeiro curso as editoriais actualizarán os libros e nos parece a mellor fórmula e a máis sostible para colaborar con todas as familias e apoiar a educación pública, por iso a quixemos estender aos outros centros”, explica o alcalde, Juan González. A cantidade consignada polo Concello parte do estudo elaborado para a propia ANPA do IES Val Miñor, que estimaba necesarios engadir 20.000 € aos 12.000 € que eles achegarían para poder poñelo en marcha, a partir de aí o banco de libros podería autofinanciarse os sucesivos anos sen maior problema. A medida beneficiaría aos aproximadamente 600 alumnos que compoñen estes centros.
“Estes cartos son os que nos fan falla para poder asumir a compra dos libros para a totalidade de alumnado no vindeiro curso. Os pais pagarán unha cantidade mínima polo empréstito de cada exemplar e unha fianza que se lle devolverá a fin de curso sempre que os entreguen en bo estado, de xeito que cando dentro de 5 anos as editoriais os renoven e haxa que mercar outra vez dispoñamos de cartos suficientes para poder autofinanciarnos”, explican desde a ANPA do centro, onde empregarán incluso unha aplicación informática específica deseñada para optimizar a xestión do “Banco de Libros”. “Non é unha tarefa sinxela, leva moitas horas, pero estamos dispostos a elo porque nos beneficiaremos todas as familias”, explican.
Estas axudas outorgadas polo Concello de Nigrán serán compatibles con calquera que convoque outra administración para a compra de material.