Esquerda Unida acorda presentarse ás eleccións municipais en Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A asemblea de afiliados e simpatizantes de Esquerda Unida acordou presentarse ás eleccións municipais baixo a marca de Esquerda Unida, por ser imposible xuridicamente reeditar a candidatura de Nigrán Decide, que no seu día fora impulsada por Esquerda Unida.

Non obstante, a maior parte das persoas colaboradoras de Nigrán Decide incorpóranse ao proceso de elaboración do programa desta candidatura, así como da elección da candidatura, que será realizada mediante un proceso aberto e democrático. A participación neste proceso estará aberta á veciñanza, ao igual que acontecera con Nigrán Decide.

Desde Esquerda Unida, lamentan esta situación que se vai dar, motivada pola negativa de Podemos e Somos Nigrán de confluír con Esquerda Unida ou Nigrán Decide, lembrando, que até en catro ocasións, despois de conversas informais, se lle propuxo desde Esquerda Unida e Nigrán Decide a Podemos e Somos Nigrán a conformación de mecanismos de colaboración e a confluencia nunha candidatura conxunta cun programa que sería elaborado e unha candidatura elixida sobre unhas bases democráticas e transparentes.