Sin categoría

Dobre cita cos J80 esta fin de semana en Baiona

A frota de J80 que desde o pasado mes de febreiro dispútase a Liga de Inverno Baitra J80 en Baiona teñen unha dobre cita esta fin de semana en augas da baía coa celebración da cuarta e quinta xornadas do campionato. Son a antepenúltima e penúltima fases dunha competición que este ano, no que o Mundial da clase celébrase na vila mariñeira do Val Miñor, adquiriu unha emoción especial, cunha gran competitividade entre as tripulacións.

Con tres etapas celebradas e outras tres pendentes de celebración, a Liga cruza esta fin de semana o seu ecuador con seis probas en programa, tres por xornada, o sábado a partir das tres da tarde e o domingo desde as once da mañá. Serán seis novas oportunidades para que os equipos poidan darlle un novo movemento a unha clasificación que lidera o actual campión de España de J80, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, con 9 puntos.

En segunda, terceira e cuarta posición, nun pano, con apenas un punto de separación, aparecen o Solventis de Malalo Bermúdez de Castro (14 puntos), o Fibra Coruña de Miguel Fernández Vasco (15 puntos) e o Marías do portugués Manel Cunha (16 puntos). Con apenas catro probas disputadas nas tres xornadas previas, nas que o vento complicou a navegación dos veleiros, quedan aínda por diante nove probas máis coas que tentar dar un envorco á clasificación.

A partir da sexta proba, que previsiblemente se disputará esta fin de semana, os equipos poderán descartar o seu peor resultado, algo que con case total seguridade redifinirá a táboa de puntuacións. Para este sábado a previsión meteorolóxica anuncia moi bo vento, do sur, por encima dos 15 nós e con refachos que poderían chegar ata os 30 nós. O domingo, a pesar de que se prevé menos intensidade, os partes indican que o vento non baixará dos seis nós.