Intercambio con Alemaña no IES Auga da Laxe

Un grupo de vinte e dous alumnos e alumnas e dúas profesoras procedentes de Nagold (Alemaña) están esta semana en Gondomar participando nun intercambio con alumnado de 1º de Bacharelato do IES Auga da Laxe.

Ademais de convivir coas familias do alumnado de Gondomar, están participando nun programa de actividades moi diverso. O luns pola mañá realizaron un obradoiro de surf na Praia de Patos e pola tarde participaron nunha xincana de pistas por Gondomar, co obxectivo de coñecer a vila e practicar a comunicación lingüística. O martes realizaron unha visita ás Illas Cíes, onde fixeron un roteiro ata o faro e, co acompañamento dos guías, puideron achegarse á riqueza da biodiversidade do parque. Mañá xoves viaxarán ata Santiago de Compostela para coñecer a cidade e realizar unha visita aos tellados e cubertas da catedral. Ademais, asistiron cos seus compañeiros e compañeiras de intercambio a diferentes sesións de clase, para favorecer o coñecemento do noso sistema educativo, e participaron nunha sesión práctica de introdución á lingua galega.

O alumnado alemán e as súas profesoras regresan a Nagold este venres 24. Posteriormente, a finais do mes de xuño, terá lugar a segunda parte do intercambio, cando o alumnado do IES Auga da Laxe, acompañado de dúas profesoras, viaxará ata Nagold para convivir durante unha semana coas familias do alumnado alemán e participar tamén nun programa de actividades na zona.