O Concello de Gondomar celebrou hoxe o Día Mundial da Auga cunha entrega de libros nos centros de ensino primario Chano Piñeiro, Neira Vilas, Souto-Donas e Serra Vincios. O concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, fixo entrega a 760 escolares do libro “En Gondomar amamos a auga”. Trátase dun manual de bos usos, no que ademais explícase o ciclo integral da auga e a importancia das medidas de aforro. Os escolares recibiron tamén unha libreta conmemorativa deste día. Un centenar de alumnos participaron posteriormente nunha charla informativa.
Os actos conmemorativos deste Día Mundial completaranse o próximo sábado 25 cunha xornada informativa, aberta a todo o público, que se desenvolverá a partir das 11:00 horas no Centro Neural (edificio da Policía Local) e que consistirá nun obradoiro titulado “Auga subterránea e as traídas veciñais”, e se completará ás 12:45 horas cunha visita guiada pola beira do río. Esta xornada de formación está organizada por Coxapo en colaboración coa Universidade de A Coruña, o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, e a Asociación Internacional de Hidroxeólogos.
O alcalde Paco Ferreira sinalou que “é importante que as xeracións máis novas entendan a importancia do aforro da auga xa que é o noso ben máis prezado, e por tanto toda a información e toda campaña de sensibilización que poidamos facer dende o concello é moi importante”. Por último o rexedor local quixo “animar a toda a cidadanía de Gondomar a asistir á xornada do próximo sábado, xa que é unha gran oportunidade de coñecer de man de expertos de primeiro nivel a importancia de coidar dos nosos mananciais, dos nosos ríos e en xeral do noso medio ambiente”.

