Sergio Calvo asina unha vitoria de prestixio en Portugal

Ao grande, ante os mellores equipos do emerxente ciclismo portugués, Sergio Calvo estreou esta fin de semana a súa conta de vitorias en 2023. O corredor xuvenil do Vigo-Rías Baixas impúxose na Prova de Abertura Júnior Prémio Cidade de Fafe. Este éxito en terras lusas sumouse aos destacados resultados asinados pola conxunto Elite-Sub23 da estrutura que preside José Luis Chamorro en Estremadura e en Zamora.

O triunfo de Sergio Calvo, que xa brillara dúas semanas antes en Salamanca, chegou como froito da súa valentía. Nunha carreira de 87 quilómetros, cun arranque frenético e un porto a metade de percorrido que deixou o pelotón reducido a unha trintena de ciclistas, o da Rúa non esperou ao final para xogarlla. A falta de 15 km “atacou con todo o que tiña nunha zona de falso chairo”, comenta o seu director Pedro Valverde. Pese ao traballo por detrás das formacións portuguesas, a vantaxe inicial de 15 segundos foi aumentando paulatinamente ata presentarse en meta con 41’’ de marxe.

“Como el sabe que non é un sprinter, sabía que tiña que arriscar. Díxenlle que atacase de lonxe e saíu ben”, explica Valverde, orgulloso da actitude do seu pupilo. Unha vitoria de calidade que premia o traballo de recuperación realizado por Sergio Calvo, quen o pasado verán fracturouse a clavícula. No podio de Fafe estivo escoltado polos lusos Sérgio Batista (Landeiro KTM) e Daniel Moreira (Tensai).

Volta Estremadura

Magníficas sensacións tamén transmitiu Asier González na Volta Estremadura, aínda que o xefe de filas do Vigo-Rías Baixas na rolda de cinco xornadas que concluíu este domingo non obtivo a recompensa dun gran resultado. O ciclista burgalés cultivou dúas prazas de Top-10 durante a fin de semana, un décimo o sábado e un sétimo na última etapa, e non deixou de escalar postos na xeral. Desde o 102º que lle correspondeu tras a contrarreloxo por equipos inaugural ata o undécimo final.

“Foise todos os días moi rápido, con moita tensión, pero o percorrido da Volta non era duro e a contrarreloxo por equipos resultou demasiado decisiva para a xeral”, valora Asier González, que a falta de 5 quilómetros para a meta da última etapa tivo que cambiar de bicicleta. Pablo Ara deulle a súa nunha sensacional reacción dos dous corredores flúor, o que permitiu ao ciclista de Burgos manterse entre os primeiros do selecto grupo principal. O balance dos discípulos de Jesús Blanco Villar en Estremadura complétase coa combatividade mostrada en todas as etapas, con Miquel Valls e Aitor Bugarín moi activos á hora de filtrarse nas fugas.

Clásicas de Zamora

O outro fronte competitiva do Vigo-Rías Baixas estivo na provincia de Zamora e saldouse con dous postos de honra para o capitán de ruta da escuadra olívica. Noel Martín terminou oitavo o sábado no Trofeo Concello de Zamora e quinto o domingo no Trofeo Caja Rural “Gran Premio San José”. En ambas as dúas clásicas, dúas fugas sorprenderon ao pelotón e impediron que o abulense puidese esprintar pola vitoria.