Detido un gondomareño por un roubo con forza nun bar de Vigo

Na madrugada de onte ás 6:40 horas, recibiuse chamada na Sala Operativa do 092 dun veciño de Vigo da rúa Rolda de Don Bosco que observara a dous mozos saíndo pola xanela traseira situada á altura dun primeiro piso dun bar da zona. Trasladada unha Unidade da Policía Local en alerta son requiridos a pé de rúa por unha testemuña dos feitos que lles relata a información anterior, ampliándoa comentando velos xa fóra do local manipulando a caixa e facéndose coa recadación para acto seguido saír á carreira en dirección á rúa Ecuador, engadindo a descrición dos mozos, facilitando a Unidade este dato ao resto das Patrullas.

As distintas Dotacións peitearon a zona, localizando aos aludidos que camiñaban por separado por ambas as dúas marxes da rúa Ecuador. Ao decatarse de que ían ser abordados fuxiron á carreira cara á rúa Panamá, quitándose un deles unha chaqueta de cor azul e tirándoa baixo un vehículo, recollida por outro Axente, mentres outros dous perseguíanlle sen perder en ningún momento o contacto visual. Grazas ao operativo de procura outro Axente que se atopaba peiteando unha rúa superior conseguiu interceptalo e deter a súa fuxida.

Contactando co Axente que recuperara a chaqueta tiveron coñecemento que no interior levaba unha elevada cantidade de moedas e diversas ferramentas, procedendo a detelo por un delito de roubo con forza, ante o cal o agora detido, que resultou ser J.G.O., nacido en Gondomar e con domicilio en Vigo, de 29 anos de idade, manifestou “que era un erro que se equivocaron de persoa, que el non roubara nada, non ía con ninguén e se non o soltaban íase a autolesionar”, manifestacións que non evitaron que se procedese ao seu traslado a Calabozos e a elaboración de dilixencias para poñer os feitos en coñecemento da Autoridade Xudicial competente.

Anuncios