O Mundial de J80 Baiona 2023 cambia de datas

A pedimento da clase internacional e co obxectivo de facilitar a participación e a loxística dos equipos estranxeiros que mostraron interese en inscribirse no MUNDIAL J80 BAIONA 2023, a organización do evento decidiu modificar as datas de celebración da cita, que se adianta un día con respecto ao calendario inicialmente previsto.

Así, as datas definitivas, que xa foron modificadas nos documentos oficiais e na web creada especificamente para a competición, quedarían establecidas do 17 ao 23 de setembro de 2023, deixando libre o domingo 24 para que as tripulacións poidan regresar aos seus países de orixe.

O Anuncio de Regata do Mundial J80 Baiona 2023, que organiza o Monte Real Club de Yates, pódese consultar a través da seguinte ligazón. O prazo de inscrición xa se abriu e, a pesar de que aínda quedan moitos meses por diante, xa comezaron a inscribirse as primeiras tripulacións.