
Juan María Empleo SL inaugurou este venres o “recuncho doce” na súa tenda juanmariabylolola do Centro Comercial Nasas Nigrán. Isto vai supoñer un paso máis no seu proxecto de inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual ao iniciar a colaboración coa empresa Mininolas, que proximamente se instalará en Nigrán.
O centro especial de emprego Juan María Empleo abre unha nova liña de traballo coa venda de gominolas, en colaboración coa empresa Mininolas, para reforzar a súa formación como auxiliar de comercio ao grupo de 10 persoas que participan no programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual en centros especiais de emprego (CEE) da Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Traballo e Seguridade Social.
O obxectivo deste proxecto é que os dez traballadores, persoas con discapacidade intelectual, estean perfectamente cualificados como auxiliares de comercio para acceder ao mercado ordinario de traballo. Coa filosofía de “aprender facendo” buscan que vaian tendo cada vez máis responsabilidades e autonomía con distintas experiencias.
Ao acto acompañounos o alcalde de Nigrán, Juan González, a representante da empresa Mininolas, Mercedes, e varios membros da xunta Directiva do Centro Juan María, José Santoro, Manuel González, Rosa Martínez e Inés Méndez.