
O Concello de Nigrán blinda a historia muiñeira da parroquia de Chandebrito grazas a “A Memoria da Auga”, un documental de relatos que se estreará este domingo 19 de marzo. Será ao carón, precisamente, do muíño da Regueira (12:30 horas) e tras a ruta teatralizada pola zona de Teatro do Ar (prazas esgotadas), tendo ademais os camiñantes a oportunidade de ver in-situ como funciona un muíño de auga tradicional. A curta, de 20 minutos de duración, será pendurada na web do Concello http://www.arquivoaudiovisualnigran.org, creada no 2021 co obxectivo de recuperar e preservar o pasado máis recente do municipio e, por outra banda, difundila.
“Ao igual que temos un arquivo histórico de imaxes de Nigrán, agora estamos a documentar oficios, tradicións e costumes que están a desaparecer e que forman parte da nosa esencia”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “é un traballo contrarreloxo para chegar a tempo de recoller en primeira persoa os relatos sobre o patrimonio material e inmaterial, que no caso dos muíños son as dúas cousas porque ademais da propia infraestrutura están as lendas e cantigas asociadas, os oficios e tradicións perdidas…”, explica.
Este novo documental forma parte do proxecto adxudicado a Árbore Arqueoloxía para poñer en valor a fraga dos muíños de Rodas, iniciativa do Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes e Veciños de Chandebrito, e recolle a testemuña de 6 persoas que moían habitualmente nalgún dos 10 que chegou a ter activos simultaneamente a parroquia (un par deles manteñen viva a tradición porque dous construcións seguen operativos). Os relatos dos recordos i experiencias de Rosa Rial, Paulino Costas, Olivia Pérez, Julia Rial, Jorge Costas e Jaime Iglesias van acompañadas de espectaculares imaxes da zona e de detalles. Participan tamén, como promotores desta iniciativa, o alcalde de Nigrán, Juan González, e Víctor Vidal, presidente da Comunidade de Montes e da Asociación de Veciños.
O documental divídese en 5 pequenos capítulos: a “Xestión da auga”, onde explican que había uns horarios establecidos para moer e durante tempadas estaban parados porque lle vendían auga da presa de arriba de todo aos veciños de Coruxo; os “Traballos comunitarios”, consistentes en manter os regos e as presas limpas fixando entre todos eles días para facer isto xuntos; “Muíños de herdeiros” porque era habitual herdar horas concretas para o uso dos muíños; “Fariñas e Pans”, onde explican como se elaboraban as bolas de millo en fornos de leña e como se obtiña diversa calidade de fariña (desde o óleo para a papa dos nenos ao picón para os animais); e, finalmente, o capítulo “Unha tradición viva: a moenda”, onde Olivia Pérez ensina como moe exactamente igual a cando comezou hai 60 anos no muíño da Regueira.
“Este era o pan que tiñamos, non había outro que non andaban os panadeiros pola parroquia”, sinala Olivia, quen recorda ter ido “moito de nova” a moer de noite “no de abaixo de todo de Rodas” por uns camiños que xa entón eran case intransitables. Julia relata no documental o momento en que a súa familia deixou de ir a Rodas, este foi cando o seu pai e o seu home mercaron un de corrente no Porriño, o primeiro da parroquia, para evitar o problema de baixar soa á fraga en total escuridade. Pola contra, Jaime Iglesias, o veterano de todos con 97 anos, recorda como os construíron paso a paso cando el contaba con 6 anos, “se xuntaron os propietarios orixinais e fixeron coas súas mans os muíños de Rodas, o único que mercaron foi o rodicio porque é de ferro”, subliña.
A tradición tivo relevo xeracional en Chandebrito grazas a Jorge Costas. “Supón a satisfacción interior de seguir mantendo unha tradición moi fermosa, cando moio conecto coa natureza e con todos os meus devanceiros”, explica Jorge Costas, o máis novo dos 6 protagonistas e quen recuperou hai 12 anos a tradición tras asistir a un curso de pans. “En cuestión de tempo e esforzo non compensa, é máis por nostalxia e cariño que por eficiencia porque hai que ter limpos todos os regos e presas”, admite.