O “Día da Rítmica” reunirá en Nigrán a 132 ximnastas de 22 clubs de toda Galicia

O Concello de Nigrán celebra este sábado 18 de marzo desde as 17:30 horas no Pavillón Municipal de Panxón o “Día da Rítmica” coa presenza de 132 ximnastas de 22 clubs de toda Galicia. O evento non competitivo, organizado entre o Concello e o club con sede en Nigrán “As Estelas”, servirá como preparatorio para os campionatos provinciais do 1 e 2 de maio. Trátase da primeira vez que Nigrán acolle esta xornada e para elo o Concello estreará o seu primeiro tapiz de competición (de 14×14 metros, persoalizado co logo “Nigrán, equilibrio natural”, e cun investimento de 4.295 €) e a cortina divisoria que permitirá ter simultaneamente unha zona de adestramentos e outra de exhibición.

“Estamos encantados de poder acoller o evento e de contribuír á promoción deste deporte porque precisamente con este obxectivo adquirimos o tapiz de competición”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a esta entidade deportiva nacida no ano 2013 e conformada por 40 nenas de Nigrán que na actualidade se reparte entre os pavillóns do CPI Arquitecto Palacios e Municipal de Panxón. Para este día, o club local “As Estelas” adestrado por Nahir Varela e con Lara Lorenzo como presidenta (ambas licenciadas en Actividade Física e do Deporte) presentará ao seu equipo alevín e, en individual, a Carla Rodríguez na categoría Infantil Promo. Durante a xornada venderán rifas a beneficio do club e con premios no comercio local.